A tecnoloxía LiDAR (Laser Imaging Detection and Ranging) en todas as súas variantes (por exemplo, LiDAR móbil, terrestre, non tripulado, aéreo…) constitúe o principal sistema de toma de datos en forma de nubes de puntos. Este tipo de datos constitúe un desafío computacional debido á súa natureza masiva e desestruturada.
Na nosa empresa especializámonos no procesamento integral de tales datasets, co obxectivo de extraer a maior cantidade de información útil mediante a combinación de algoritmos tradicionais e modelos de intelixencia artificial, ambos combinados con técnicas de computación de altas prestacións para levar ao mercado solucións competitivas que permitan automatizar fluxos de traballo que involucren nubes de puntos.
O framework VirtuaLearn3D (VL3D) para o procesamento de nubes de puntos baseado en métodos de intelixencia artificial foi desenvolvido polo noso CTO como parte da súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago e o seu traballo como investigador no grupo 3DGeo de Universität Heidelberg. Dito software constitúe un dos nosos pilares tecnolóxicos fundamentais, ao permitirnos elaborar en pouco tempo solucións eficientes e específicas, isto é, adaptadas a cada caso de uso.
En Catallactical contamos cun equipo especializado en métodos avanzados de computación. Isto permítenos ofrecer os nosos servizos nunha variedade de sabores, dende entregar nubes procesadas na nosa propia infraestrutura, ata despregar sistemas intelixentes na nube para o procesamento automático de nubes de puntos, pasando polo uso de supercomputadores para procesar datasets masivos en pouco tempo ou ben resolver tarefas máis complicadas do habitual.
A computación na nube é un dos paradigmas que máis peso gañou nos últimos anos. O seu éxito explícase porque combina sistemas de pago por uso cunha gran facilidade para a escalabilidade no caso de aumento da demanda. Así, despregar sistemas intelixentes na nube constitúe unha alternativa competitiva que permite manter o custo controlado. Por iso, dende Catallactical ofrecemos aos nosos clientes a posibilidade de despregar sistemas intelixentes para o procesamento automático de nubes de puntos como servizos na nube.
Ás veces, o procesamento de nubes de puntos require solucións de alta demanda computacional, como pode ser o caso de modelos baseados en aprendizaxe profunda. Estes casos de uso son habitualmente necesarios en traballos de gran interese científico ou proxectos industriais altamente innovadores. En Catallactical somos expertos no uso de supercomputación para explotar os modelos máis esixentes dispoñibles no estado da cuestión, como as redes neuronais baseadas en autoencoders jerárquicos para a clasificación automática punto a punto.
Como parte da nosa estratexia de innovación participamos activamente en proxectos de investigación nos cales facemos uso extensivo de supercomputadores como pode ser o caso do FinisTerrae-III do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Máis concretamente, utilizamos este supercomputador en proxectos como PrehistorIA, para a detección automática de túmulos prehistóricos a partir de datos LiDAR en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Tamén estamos utilizando estes recursos para investigar, xunto co Grupo de Arquitectura de Computadores, o procesamento masivo end-to-end a gran escala xeográfica mediante redes neuronais a partir dos datos LiDAR da segunda edición do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA-II).